En Lega-Terrum, como experiencia nada no seo dunha sociedade campesiña como é a galega, non podemos eludir que vivimos tempos a cada vez máis complexos, con grandes contradicións que xorden entre outros factores de que as persoas e as súas circunstancias andan á deriva, de a cabalo e sen solución de continuidade entre unha rica e espoliada ruralidade tradicional onde -pese ás grandes dificultades- as persoas, a paisaxe e a natureza formaron historicamente un conxunto harmónico (economías autárquicas e resilentes, xestión comunal da terra, aproveitamento máis que sostible dos recursos, soberanía alimentar, etc.) fronte a unha arela por superar un suposto “atraso” mediante a implantación forzosa dun imaxinario “civilizatorio” urbano (desordenado, xerárquico, caótico, insostible..) onde a persoa e a súa felicidade simplemente non contan no trampantoxo e o único importante é enfocarse nos opacos intereses das oligarquías centralistas que pretenden dende hai séculos impor un modelo de vida (ou de vida esmorecida) co que eles poidan autorecoñecerse ao carón dos demais oligarcas do estado como modernos señoriños do século XXI. E isto sacrificando polo camiño ese oxímoron chamado “estado social”.
O recoñecemento desta dualidade de partida, herdeira de cousas boas e malas, constitúe para nós un criterio importante na hora de ofertar servizos pois determina a necesidade de empregar un enfoque xurídico e sociolóxico diferente e propio dunha RURALIDADE que é clase campesiña. Apoiados nese escairo estamos en condicións de intervir na resolución de conflitos e aportar solucións á viabilidade dos proxectos nun contexto “acorde”.
Por este motivo Lega-Terrum, e a súa oferta de servizos de asesoramento, defensa e formación, diríxese primordialmente ao mundo da ruralidade, das comunidades ancestrais, das freguesías, das parroquias, da idiosincrasia das xentes , das experiencias ecolóxicas novas baseadas nos vellos principios, do papel central da feminidade, da familia e da irmandade (en todas as súas acepcións posibles) como cerne cuántico dos nosos pasados e dos nosos futuros. En definitiva: poñémonos a carón das persoas, da súa paisaxe e da súa cultura.
O campo, o monte, o rural, a natureza.. ven sendo todo aquel psico-territorio colectivo, ese espazo toponímico, onírico e físico, ese concepto que esvara da tolemia dun tempo coma este onde todo se conxuga coa verba medrar, cando debera ser conxugado coa verba equilibrio..
Co gallo tamén de recuperar o vizoso caudal cultural que as aldeas nos deixaron , tanto nos abondosísimos usos e costumes, como nos modos de resolución de conflitos e diferenzas, na terminoloxía, na oralidade, nos fondos documentais e nos saberes antergos, empregamos nas nosas actuacións unha proactiva recuperación e valoración etnográfica na agrimensura, na arquitectura popular, na microtoponimia, nos usos ancestrais de vías de comunicación e pecuarias e na participación en institucións colectivas antigas ou forais.
Para rematar, o enfoque dende a ruralidade non impide exercer aquelas accións tecnolóxicas novedosas que permitan reprocesar con respeto os vellos valores e actualizalos ao momento actual. Por exemplo: coa idea de superar as limitacións de comunicacións propias do aillamento no rural, empregamos na medida do posible tecnoloxías e sofware libre que garantan autonomía mútua e o asesoramento a distancia.
En definitiva, o rural é unha auténtica sementeira de ideas, e estas precisan materializarse apoiadas en técnicas liberadoras, memoria consciente e ferramentas xurídicas ben afiadas.
Velaí tendes algúns dos eidos nos que desenvolvemos o noso traballo a cotío.