O proxecto consiste no coidado, deseño e acompañamento dunha pequena fraga sita nunha finca propia na sede social da Fundación TERRUM, no Val do Dubra, para lembrar alí ás persoas que xa non están connosco e que fumos coñecendo atraverso das súas familias, amigos, etc., ocurrindo os seus decesos as máis das veces en circunstancias especiais, por exemplo: persoas que faleceron na prisión, ou debido ao seu consumo de drogas, ou por enfermidades como a SIDA, ou que falecen pola súa exclusión social alonxados do entorno familiar, etc.
Durante todo o ano recibimos peticións para vencellar a memoria de persoas falecidas na nosa prantación, que programamos nos momentos axeitados para o seu desenvolvemento.
As familias acuden na data programada para prantar a árbore na que representará ao falecido/a: carballos, faias, magnolios, camelios, acivros, etc., especies que nós lles facilitamos dende o noso pequeno viveiro de esqueixos e que eles mesmos introducen na terra para o seu crecemento. Cada árbore leva o nome do falecido ou falecida e o mantemento corre a cargo das familias, ben de xeito directo por medio de voluntariado ou mediante aportacións económicas para que os colaboradores habituais da Fundación o leven a cabo en nome deles.
Sempre que convocamos unha prantación realizamos unha xanta campestre a cargo da Fundación para tódolos/as/es asistentes .
En resumo, esta actividade engloba varios dos fins da fundación pois ao evidente fin ambiental cinguimos tamén o fin social de apoio ás persoas participantes e á memoria cultural dos/as falecidos/as.